Poesía metálica

Inda que non son bo lector de poesía, agradecín o poemario que Alfredo Ferreiro publica en Espiral Maior, “Metal Central”, e que contén, dentro dun singular mostrario, algunhas pezas de incuestionable valor. Entre elas, quixen dexergar en “As idades do metal” unha raiola á esperanza dentro da grisella conxuntura pola que atravesamos. 

Antes fora unha alma fría,

despois un corazón

expectante e fráxil.

O aceiro,

como unha serpe humana,

perde a camisa do medo.

Avanza veloz por estacións iluminadas

até as maos dos homes

que o afinan,

que o cinguen aos cadrís

do desexo ondulante.

A que era terra virxe,

agora purificada e dura,

pertence xa ao mundo

das pedras habitadas.

Eis o proceso

dun metal domado:

o ferro contra o ferro

mentres en silencio

traballa o martelo

brando do construtor do tempo.

 

Los comentarios han sido cerrados para esta nota