Triodos Caixa

Hai unhas semanas, Triodos Bank inaugurou na Coruña a súa delegación territorial galega. Segundo o seu propio comunicado, Triodos financia únicamente sectores sostibles e da economía real, que ademais de ser rendibles benefician as persoas e o medio ambiente: enerxías renovables, agricultura ecolóxica, bioconstrucción, turismo sostible, actividades culturais, educación, cooperación ó desenvolvemento, organizacións de apoio a persoas con discapacidade ou a grupos en risco de exclusión social, etc. Triodos Bank, o referente da banca ética, comunica de forma transparente os proxectos e empresas que financia.

Con tal presentación, a un cáenlle os dentes de envexa e cobiza sas. Gustaríalle pertencer a unha tal organización, traballar con eses mesmos obxectivos e propósitos. E pensa que as Caixas de Aforros ben poderían ter sido entidades semellantes, dedicadas a fins de desenvolvemento (económico, social, cultural) dos territorios onde naceron e medraron. Entre as moitas cicatrices que deixará esta crise, unha será a da ferida mortal que se inflixiu ó sector de Caixas en España. Está demostrado abondosamente que as entidades financeiras pegadas a unha realidade local desenvolven un papel clave e multiplicador nas zonas onde existen.

As malas prácticas duns dirixentes levaron as Caixas a situacións críticas. Mais no canto de penalizar os individuos  culpables, castigan as entidades facéndoas desaparecer mentres premian os dirixentes con retiros extrasiderais. Malia non entendermos nada, os que quedamos loitaremos por manter en pé a empresa, coa configuración xurídica que sexa.

Los comentarios han sido cerrados para esta nota