A crítica do crítico

Eu adoito saír a correr un par de veces á semana. Case nunca levo cronómetro nin pulsómetro nin móbil nin simple reloxo sequera. Corro entre 45 e 60 minutos. Hai días que me felicito: hoxe corriches 45 minutos, Marcelino, seica fuches ben rápido; outros que correndo 60 minutos, tamén o celebro, aguantaches ben, campión. E hai días nos que me reprendo: so corriches 45 minutos, seica non tiñas folgos para máis; ou mesmo, non che dá vergoña, 60 minutos correndo, nin que foras camiñando.

O aquel das distintas versións para realidades similares reside na falta de medidor. Sen axuda de aparello, non hai xeito de saber se percorrín unha longa distancia a bo ritmo ou se, polo contrario, apenas corrín uns poucos quilómetros a paso de carreta. A culpa é miña, abondaría con facerme cun deses trebellos. Os críticos literarios téñeno máis difícil.

Non hai no mercado medidores literarios. Ninguén pode garantir cientificamente ca un libro sexa mellor ca outro. A literatura é unha cuestión subxectiva. Dispoñen de criterios, indicacións, mesmo normas internas, pero todas elas susceptibles de interpretación particular e de valoración en función de múltiples elementos a maioría deles maleables, por expresalo dalgún modo.

Vivín de preto un caso significativo hai xa bastantes anos. O crítico pasoume a súa valoración  que esmagaba sen piedade a obra criticada. A min pareceume unha esaxeración e así o expresei malia o cal a crítica foi enviada tal cal. Non tardou nin unha hora en soar o teléfono. Viña do xornal onde se publicaría o artigo. Convidaban ao colaborador (ou colaboradora) a tomar un café nun local intermedio entre a sede da empresa e a casa deste home (ou muller). A instrución non admitía dúbida: había que cambiar a crítica, radicalmente. O autor (ou autora) da obra criticada tiña boa prensa no medio e non era conveniente poñerse a mal. O texto foi xa que logo modificado. O colaborador / colaboradora actuou desta vez con carraxe, deixando en evidencia (iso creía) o carácter de mofa da nova crítica e agardando que a visión do lector interpretase a intención retranqueira desa nova redacción. Porén, a crítica foi admitida sen comentario ningún e divulgouse tal que for un artigo científico.

De utilizar unha clasificación dos críticos, eu proporía aquela que os distingue entre “asépticos” e “influenciables”. Habelos, hainos de ámbalas dúas categorías. Os asépticos son, obviamente, aqueles que non se deixan influenciar, nin consciente nin inconscientemente. Son imparciais, profesionais con orgullo de oficio e con respecto por unha deontoloxía que se supón de aplicación xeral. Sempre estará o gusto persoal mais os críticos asépticos fan o seu traballo alleos á dimensión da editorial, ó prestixio e posición do autor no sector, ou á moda que o mercado consiga introducir en cada momento. Son críticos aos que abrazar, coidar e promover. Dan lustre a unha actividade e imprimen seriedade nunha cultura.

Mais tamén atopamos os da outra categoría, críticos que escriben en función do contexto da obra criticada. Nas literaturas grandes, as que utilizan as linguas dominantes, ese contexto está marcado en boa medida polos intereses dos axentes literarios, auténticos popes do sector, polo orzamento da editorial, pola proximidade do autor a un medio ou polo potencial de vendas que se calcule. Os críticos influenciables redactan os seus textos tendo moi en conta o peso deses factores; o seu elemento básico será, xa que logo, a predisposición.

Nas literaturas pequenas, como pode ser a galega, a predisposición está marcada ademais por condicións máis operativas, digamos. Os críticos influenciables raramente escribirán unha mala crítica contra un libro das dúas editoriais principais; pois porque son a base do seu traballo. Pechan esas editoriais e con elas acaba a súa carreira. Tampouco redactarán críticas negativas contra autores chamemos “consagrados” porque con eles coinciden nas diversas troulas literarias e, ademais, están seguros de que van seguir coincidindo. Diriamos que os seus intereses son coincidentes. Xa que logo, estes críticos influenciables adoitan escribir críticas favorables. Cando teñen ocasión e pillan unha rara avis que saia das anteriores coordenadas, tenden a utilizar a fórmula de máxima eficacia: aplicar o nesgo apropiado, dedicarlle pouco tempo ó labor (total, para o que pagan!), ler a saltos e con precipitación, tirar unha idea xeral e preparar a coñecida sucesión de tópicos e chambonadas seguros de que ninguén os vai contradicir (tampouco o tolerarían! Mesmo hai algún crítico que non admite críticas no seu blog, róncalle o car…).

Se estes críticos “influenciables” avaliasen o rendemento dos automóbiles, poñamos por caso, serían que de louvar a velocidade dun cacharro que tardase en alcanzar os 100 quilómetros hora en 250 metros ao tempo que criticasen aquel que obtivese tal velocidade en apenas 50. Así é o seu rigor. Se cadra por iso o sector de automóbil continúa sendo unha industria puxante mentres a literaria leva décadas esmorecente.

Termino con outra anécdota. Seica hai críticos que fan tamén de lectores profesionais das editoriais (outro motivo para nunca censurar os libros destas compañías…). Un destes redactou un informe de lectura (equivalente formal da crítica) negativo sen remisión. O informe facía un resumo que, en realidade, era unha caricatura da novela exenta incluso do fío argumental. Cara ao final do resumo, o crítico manifesta a sospeita “de que tivese acontecido un asasinato”; pois ben, o asasinato producírase na páxina 22 e o resto da historia desenvolvíase a partir dese feito que o crítico non chegara sequera a detectar.

Aínda dirán que este post é produto do resentimento…

 

Los comentarios han sido cerrados para esta nota