Volverás á Pallarega

Habería desculpar Don Juan Benet a ousadía de aproveitar o seu título. Pallarega quixo ser outra Región, un espazo cosmogónico que interpretase as claves íntimas duns comportamentos e uns talantes vitais. Os desas xentes que, nacendo nun lugar coas coordenadas ben delimitadas,  intúen que máis aló existe unha realidade provista de misterio, opcións abertas e, xa que logo, grandes oportunidades.

Volvo a Pallarega por circunstancias casuais, por mencións de amigos e tamén pola repetición de desagrables actitudes. Quéixome do tratamento que recibiu Pallarega, a novela, dende o día da súa publicación, vítima de mesquindades demasiado frecuentes neste impaís tan poboado de infelices Caínes. Téñoa de novo entre as mans, agarímoa, leo parágrafos soltos. Abro a carpeta que contén algúns papeis vinculados con ela. A carta dun dos próceres das letras galegas contemporáneas que escribe: “…a historia é interesante, a narración minuciosa e a prosa excelente…”. Seica houbo lectura demorada antes do comentario.

Atopo a presentación que fixera Pablo González Mariñas no FNAC da Coruña en maio de 2012, felizmente dixitalizada e arquivada no Centro de Documentación da AELG (texto completo). Rescato daquela xenerosa e erudita intervención algunha pasaxe. Dicía Don Pablo:

“Pallarega é a visión novelada da historia do noso país ó longo do século pasado pero cunha grande virtualidade de proxección futura. Polas súas páxinas circulan as aventuras e desventuras das súas xentes humildes mais tamén das súas clases dominantes. Unha visión que vai ser imprescindible para a cabal comprensión deste o noso tempo sociolóxico”.

“Sob o tellado desta Pallarega, gárdanse moreas de personaxes, de actitudes ante a vida, de expresións, de retranca, de circunloquios anímicos tan galegos coma os meandros do Mandeo. Non é unha colectánea de opinións ou de tópicos senón unha vivencia sentida das capacidades e tamén limitacións duns protagonistas enfrontados a escenarios difíciles e da súa forma de lles pór cara dende un carácter e unha actitude tan baril como a situación permitía e tan intelixente como requiría.”

“O relato reproduce a incrible aventura de tantos e tantos galegos que emigraron… A novela interpreta admirablemente ese concepto de galeguidade, polémico e difuso, que sen embargo penetra coma un coitelo na consustancialidade identitaria da que Nicolás (o protagonista) non se puido substraer.”

“A historia que Marcelino nos conta é a historia dunha xeración perdida de galegos. Todos eses acontecementos e reaccións son, dende logo, individuais, pero acadan unha dimensión colectiva. A novela reflite a historia dunha xeración en boa parte perdida para os seus protagonistas pero gañada polos que chegamos detrás deles. Trátase dunha xente nosa maiormente inculta, condenada á ignorancia pola ditadura de Franco, que sen embargo resiste, i é quen de loitar co seu talento innato contra a represión material (que supón a pobreza) e contra a durísima represión emocional (o desarraigo da terra…)… Penso que estamos ante un acto de xustiza que trascende do relato en si e abre a oportunidade de nos sumar a este agradecemento lendo unha novela ateigada de emocións profundamente galegas. E sobre todo, a posibilidade de nos identificar con Nicolás Traseira, verdadeiro símbolo de todo isto.”

Ninguén podería telo comprendido e expresado mellor. Por esas mesmas razóns, eu sempre volverei á Pallarega.

 

Dejanos tu Comentario

Nombre: (Requerido)

E-Mail: (Requerido)

Sitio WEB:

Comentario: