Galicia ten a súa estrela

Após dous meses sen publicar nada, declaro oficialmente a miña incapacidade traumática para manter este blog. Sexa por falta de cousas que dicir, xa for por unha natural desafección cara a estes medios (as RRSS en xeral), o certo e contrastado é que non son capaz de alimentalo como sería necesario. Asumido este feito xa incuestionable, un queda liberado ante quen poida haber do outro lado, se é que aínda queda alguén…

O motivo que me leva a romper este inadvertido silencio vén sendo a difusión do artigo que redactei hai como unha semana para Economía digital. Titúlase “Galicia ten a súa estrela” e trata do valor que está a adquirir Estrella Galicia nestes anos nos eidos económico e social do país. Velaquí deixo parte do contido do artigo:

“A cervexeira do Grupo Hijos de Rivera é máis ca unha empresa de bebidas. Para Galicia representa un motivo de orgullo e identidade, algo que implica un valor fundamental nun país tan orfo de referencias válidas… A Corporación produce e comercializa xa máis de cen artigos pertencentes aos sectores da cervexa, auga, zumes, sidras, vinagres e licores; entre as súas actividades, inclúe tamén servizos varios coma hostalería ou deseño. A facturación total de Grupo en 2017 pode erguerse ata os 450 millóns de euros… A estrutura directa do Grupo ao completo está radicada en Galicia. Unha parte salientable das materias primas –o lúpulo, as uvas, as mazás– proceden de explotacións galegas. En termos de comunicación e marketing, apóstase polo idioma propio e por lemas e mensaxes entendibles en clave de país. Este conxunto de factores explican en certa medida esa identificación xenuína dos produtos co consumidor galego e serven como elemento diferenciador no resto de mercados. Galicia está falta de referencias, de fachos iluminadores, de estrelas que marquen a senda. Velaí a transcendencia e significado do que está a facer o Grupo Hijos de Rivera.”

Dende aquí podes ler o artigo completo. By @pallarego

Dejanos tu Comentario

Nombre: (Requerido)

E-Mail: (Requerido)

Sitio WEB:

Comentario: