O bolseiro de Inditex (novela)

A quen interese a narrativa en galego (e o que eu poida contar)

Debo admitir que a publicación de Pallarega (Toxosoutos, 2011) me deixou fondamente decepcionado. A resposta a esta novela á que tantos folgos dedicara fixo que me sentira expulsado do universo da literatura en galego. Así chegaron El Danubio no pasa por Buenos Aires e El émulo de Reginald Perrin, ámbalas novelas en castelán. Ao tempo que escribía a segunda, redactei “O bolseiro de Inditex”. Fíxeno de novo en galego. Remateina e envieilla a Xerais. Bragado respondeume o de sempre, xa sabes que a situación é moi complicada e neste momento non podemos acometela. Os malditos momentos. E non souben o que facer con ela.

Algo despois apareceu Edicións do Peirao. Falamos e decidín probar. A cousa é que esta editorial traballa en dúas fases: unha primeira que chaman “prevenda” na cal os lectores poden reservar un exemplar da novela; se o libro acada en tres semanas as cincuenta reservas, daquela publícase. No caso contrario, volve aos caixóns (dixitais).

O bolseiro de Inditex é unha novela sobre todo divertida. Os editores din que “arrincará risos sen deixar por elo de concienciar sobre temas de índole social.” Pode ser. Tamén que “mestura o xénero negro e a sátira social dun xeito delicioso”. Iso é moito dicir; a min gustoume, claro!

O argumento vén sendo o seguinte: Hai un accidente no que morre o decano da Facultade de Económicas da UDC; o accidente resulta ser un asasinato e o principal sospeitoso é Inditex. No desenvolvemento da historia xorden imprevisibles leas privadas: da Marea que goberna na Coruña contra a propia multinacional galega; a dun mozo miñaxoia contra unha banda de criminais; a dun comisario contra a garda civil e a caste política; e as dunha presada de executivos dispostos a todo con tal de salvaren as súas posicións de privilexio.

Se che apetece ler O bolseiro de Inditex, ou simplemente queres apoiar a súa publicación, haberías entrar nesta dirección:

Reservar un exemplar de O bolseiro de Inditex

Unha vez dentro da páxina, has localizar na dereita o espazo “EXEMPLAR DO LIBRO”, premer en “OBTENER ESTA RECOMPENSA” e cubrir os datos correspondentes. Se chegamos a cincuenta, nunhas semanas recibirás a novela. En caso contrario, retrocédese todo…

E sexa como for, Namasté!

@pallarego

Dejanos tu Comentario

Nombre: (Requerido)

E-Mail: (Requerido)

Sitio WEB:

Comentario: