Archivos en la categoría Novela Klásicos

Klásicos na Alexandre Bóveda

Por proposta entrañable da Asociación Alexandre Bóveda, imos presentar Klásicos na Coruña. O acto terá lugar o martes, 13, ás 20.30 horas, no local desta entidade na Rúa Olmos, nº 16, 1º piso. Agradezo de xeito fraternal a sempre magnífica disposición de Alberte Ansede, quen  fará de moderador. O interese e contido literario da xuntanza queda garantido pola intervención a seguir de Chisco Fernández Naval.

Esta será a segunda presentación da novela, trala celebrada en Santiago en febreiro pasado (anotación relacionada). Esta, igual que aquela, haberá ser, como todo evento arredor dunha obra literaria, unha homenaxe a unha lingua. Pero esta, a diferencia daquela, será tamén un recordatorio necesario da figura inmortal de Alexandre Bóveda. Velaquí as últimas palabras que puido pronunciar no xuízo pantomima que precedeu ó seu asasinato: “Mi patria natural es Galicia. La amo fervorosamente. Jamás la traicionaría, aunque se me concediesen siglos para vivir. La adoro hasta más allá de mi muerte. Si entiende el tribunal que por este amor entrañable, debe serme aplicada la pena capital, la recibiré como un sacrificio más por ella. Bajo su bandera deseo ser enterrado, si el Tribunal, en conciencia, juzga que debo serlo”. Palabras obrigatoriamente en castelán por estar o uso da lingua galega prohibido.

Klásicos nos medios

Tal como anunciabamos na anotación anterior, Klásicos foi presentado o martes pasado na Libraría Couceiro de Santiago, sempre disposta a acolle-las celebracións da literatura galega. Corenta amigos gozaron das intervencións do Chisco e mailo Rafa. Chisco debuxou un ousado paralelismo entre Horacio Oliveira, protagonista de Rayuela, e Horacio Tomé Jr., homólogo en Klásicos, nunha exposición que continuou entrelazando dous conceptos que se levan ben: literatura e humor. Rafa, pola súa banda, expuxo coa agudeza que o caracteriza, a súa visión do colectivo que se debulla na novela, e que resumiu na frase seguinte: “Xa o dicía meu avó, que falaba de pais arrieiros, fillos taberneiros e netos pordioseiros”.

A presentación foi obxecto dunha grata entrevista na Voz, realizada por Rodri García. Alberto Ramos confeccionou unha magnífica reportaxe para Xornal namentres Galicia Hoxe, o único periódico enteiramente en galego que temos no País, tamén recollía nun artigo as claves da novela. En datas anteriores, xa Vieiros se fixera eco do lanzamento do libro por medio dunha nota ben atinada. Klásicos estivo presente igualmente a través das ondas, este sábado día 6 no programa Banda Ancha, e repetirá na mañá do luns nunha entrevista feita por Helena Soto. Por último, o día 22 gravaremos na Libraría Nova Colón da Coruña, un pequeno espazo para a Televisión Galega. Se esta corrente de información non fose abonda, na páxina da Central Librera ferrolá en mercadogalego.eu se pode ler o comezo da novela.

Klásicos, unha parodia social

A Editorial cualifícaa de “crítica social e humor negro”. Así será, seguramente. Morgante, selo de Rinoceronte para a edición de obras de autores galegos. Crítica social e humor: parodia social, xa que logo. A.G.B. pregunta “de que vai” na anotación anterior onde aparecía un presidente humillado. Un enxeñeiro e escritor puntualizou ó respecto: “Que vén sendo a historia de Galicia senón unha cadea infinita de humillacións? Ese presidentiño só é un elo máis da cadea.” Puntualizouno acertadamente, como (case) sempre. (Quen acerta sempre?). Dicía que A.G.B. pedía información sobre Klásicos, a novela. De que vai?, preguntaba. Non é fácil. Debería eu esperar ó martes, 2 de Febreiro, para contestar. O martes, 2 de Febreiro, ás 8.00 do serán, farase a presentación de Klásicos, a novela, na libraría Couceiro de Compostela. Na alegórica Praza de Cervantes, para máis datos. Nunha nova demostración de xenerosidade, intervirán Chisco Fernández Naval e Rafa Cuíña. Aproveito para recomendar “Para seguir bailando”, o último en narrativa do Chisco, e para louvar o activismo do Rafa a prol das súas convicións, que son en boa parte tamén (creo) as nosas. Entre os tres tentaremos levar a cabo a presentación de Klásicos, a novela. Martes, 2 de Febreiro, na Libraría Couceiro de Compostela, ás 8.00 do serán. Estades, como non!, invitados.

“De que vai?”, insistirá A.G.B. Pois vai (coido eu) da percepción persoal (do autor) sobre unha sección desta sociedade, unha sección, se cadra, pequena (pero ben visible) desta sociedade. Horacio pertence á clase alta, fillo dun empresario de éxito e amigo doutros fillos de pais burgueses de suposto éxito. De vello, como o monárquico Alexandre, ou acabados de chegar, coma Xerome, o tuno da bandurra. De vello ou acabados de chegar, os fillos dos pais burgueses. Tamén vai da estupidez humana. Aristóteles deixara esta idea (entre algunha outra, calcúlolle). Deixara: “é imposible chegar ó fondo da estupidez humana.” Algo así. Eu pensei que, de haber fondo, localizaríase, ese tal fondo, nalgún curruncho do espazo ocupado polo grupo social ó cal pertencen Alexandre e Xerome, e Horacio tamén (ben pensado, seguramente non sería de Aristóteles, a frase).

Por seguir co fío da historia… Horacio levaba unha vida extraordinaria: ingresos elevados que recibía a cambio de nada, praceres doados de acadar e gozar, alta estima social sen maiores responsabilidades; xuventude, saúde, benestar… Mais un día, ese o seu mundo vénse abaixo estrepitosamente. O pai cúrtalle as vías de ingresos. Cabreado (cabreadísimo), chega á casa, na casa Manuela (que sempre lle recordara a Marilyn) pasa a aspiradora, el pretende abusar de Manuela (a chacha, a doncela), e Manuela resístese. Foi un accidente, o que ocorreu, pero non para Horacio. Horacio non sabe como interpretalo. Só sabe que está na rúa, sen un can, e non pode regresar ó seu apartamento. Porque no seu (luxoso) apartamento quedou Manuela, pendurada do gancho dun colgadoiro africano, de Kenya. E Horacio que treme coma unha vara verde, coma un gong.

A partir de aí, Klásicos, a novela. Unha parodia social (crítica e humor negro). Unha historia a encaixar na categoría dos thriller psicolóxicos, disque. E da parodia. Unha historia sobre a estupidez humana. E sobre a capacidade de resistencia e rexeneración das familias hexemónicas, algo así.