Archivos en la categoría Política

Memoria histórica

asension mendietaA Ascensión Mendieta o da “memoria histórica” soaralle a linguaxe de tecnócratas, a etiquetas do politicamente correcto. O que se leva a cabo no nome da “memoria histórica” son puros actos de xustiza planetaria. Milleiros de asasinados están aínda en fosas ou cunetas, cabe deshonra maior para un país? Ascensión Mendieta houbo esperar case 80 anos para que soterrasen o seu pai con dignidade. Os custos dos traballos de exhumación e identificación son financiados por unha asociación de electricistas noruegueses (non é coña) e por un premio outorgado dende Estados Unidos. Namentres, o goberno do Partido Popular subvenciona a Fundación Francisco Franco. Vergonza de país!

Vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=hOHpFNi4Ado

A Ascensión Mendieta lo de la “memoria histórica” le sonará a lenguaje de tecnócratas, a etiquetas de lo políticamente correcto. Lo que se lleva a cabo en nombre de la “memoria histórica” son puros actos de justicia planetaria. Miles de asesinados están todavía en fosas o cunetas, cabe deshonra mayor para un país? Ascensión Mendieta hubo de esperar casi 80 años para que enterrasen a su padre con dignidad. El coste de los trabajos de exhumación e identificación son financiados por una asociación de electricistas noruegos (no es coña) y por un premio otorgado desde Estados Unidos. Mientras, el gobierno del Partido Popular subvenciona a la Fundación Francisco Franco.Vergüenza de país!

Últimos artigos / artículos

Velaquí as últimas colaboracións en medios en galego…

O efecto Gadis: vai dun proceso que xerou elevadas expectativas, moita ilusión e ata algunha previsión próxima á utopía; e que fracasou para escarnio e vergonza de moitos que houbemos regresar á carreira cara a cova do escepticismo máis derrotista. E todo isto por que? Polo efecto Gadis, por que vai ser? Ollo que o artigo superou os 100 rebotes…

Este país é unha ruína: tristemente. Cada dato vén confirmar a incuestionable realidade: namentres o partido hexemónico continúe no poder, o único destino de Galicia é o esvaecemento progresivo.

Transformación ou irrelevancia: con boa vontade e algo de experiencia, dei en artellar este catálogo de medidas que poderían configurar un plan de reactivación, máis que imprescindible, para a economía galega.

A deslocalización perpetua: outra das graves lacras da nosa economía infravalorada normalmente; como se resultase natural que Galicia perdese caso tras caso os seus principais referentes empresariais. 64 compartidos, non está mal para un medio especializado como Economía digital.

Y aquí los últimos artículos en medios en castellano…

Las cláusulas suelo de las hipotecas: en contra de la opinión general, voy yo y las defiendo. Nunca lo esperaría pero este artículo alcanzó los 114 rebotes en las redes sociales.

La reforma laboral ante las próximas elecciones: será una de los caballos de batalla y uno de los ejes de la política económica a implantar tras el 20D. Si gana el PP, la explotación del trabajador, la precariedad, la inestabilidad y la desigualdad continuarán; si ganan el/los otro/otros, tal vez algo pueda cambiar. Y este artículo, que me parecía esencial, solo resultó 22 veces compartido. Si es que uno nunca sabe…

Tempo Novo

Marea AtlánticaChegou o momento de reabrir A trenza. Estaba case decidido dende hai unhas semanas pero o de onte supuxo o empurrón que seica faltaba. Benvid@ a quen queira acompañar a segunda andaina deste blog que principia co artigo que hoxe publico en Galicia Confidencial baixo o título: Romper as cadeas do pasado. Entre todos.

Romper as cadeas do pasado

Alén das consecuencias inmediatas que propician os resultados das eleccións municipais en Galicia, enxérgase un efecto alborada de longo alcance.

Quen asista ao rito do botafumeiro na Catedral de Santiago, escoitará durante o voo do incensario unha sorte de cántico desafinado con letra nacionalcatólica que o transportará ao máis rancio daqueles tempos de sotana e tricornio. Se sobe despois aos tellados do colosal edificio, oirá o relato dunha guía que, fiel seguidora da historiografía oficial española, falará do “reino astur-leonés” e dos reis asturianos negando por omisión a existencia do Reino de Galicia (ou de Galicia e León) que era o vixente naqueles séculos.

Transcorreron corenta anos da morte do infausto xeneral nado en Ferrol mais semella que o seu legado aínda ten presenza, e non so nas instalacións clericais. O Parlamento e moitos dos concellos galegos aplican decote unha política ancorada na formulación xacobina do Estado e na posición sometida de Galicia, carente dunha conciencia propia e asimiladora dos designios impostos dende Madrid. É esta unha versión actualizada, se cadra amable, daquela concepción do vello réxime que perdura hoxe en día no exercicio dos gobernos liderados polo Partido Popular.

O País coñeceu múltiples proxectos de rexeneración, o piñeirismo e o intento de consolidación galeguista nos primeiros anos de democracia; o lapso do tripartito a finais dos 80; a agrupación das distintas correntes nacionalistas no BNG; o triunfo da alternativa de esquerdas nas eleccións de 2005. Mais todas as experiencias foron varridas por unha dereita que conta en Galicia cunha maquinaria poderosa e o apoio, ata agora impagable, dos medios de comunicación.

Dúas realidades irreconciliables, dúas faces dunha Galicia que semella partida en dous. Por unha banda, os que pretenden que nada mude nunca, que dispoñan os clans de sempre; os amigos da trapallada e a escuridade; os submisos antes as ordes chegadas da Meseta; os amantes da uniformidade; os usurpadores da cultura e idioma propios; os alentadores da emigración; os señores do eucalipto e a construción salvaxe; a besta que medra chuchando a enerxía da propia terra. Eses por unha banda.

Pola outra, temos quen non cala e demanda; quen amosa o orgullo dunha historia e dunha tradición; quen reivindica a vixencia dos valores endóxenos; quen confía nas propias capacidades para encarar un futuro de progreso; quen alenta a creatividade e a experimentación; quen fala e defende a lingua de noso; quen chama pola unión dos espíritos libres para empezar a reconstruír un País novo sen a renuncia das súas raíces.

Na disputa entre as dúas realidades, adoita prevalecer a primeira. Porque conforman un aparello rochoso que se retroalimenta. E tamén porque en fronte atoparon correntes non sempre converxentes, ou iniciativas esporádicas e temporais, ou alianzas que axiña se rompen: propostas, en síntese, que non callan.

As Mareas, na súa distinta configuración, toman a remuda en Concellos transcendentes ao tempo que marcan o camiño da unidade. Agora toca repasar as anteriores experiencias frustradas e demostrar que o amor ó País é o auténtico argumento da súa acción. Bos e xenerosos por unha Marea galega que sinale o comezo dos tempos novos. Iso ou a definitiva ancoraxe do presente no sinistro pasado.

Un defensor contra o defensor

Soa a broma, desas pesadas que che fan golsar no canto de rir. Mais temo que non o sexa. Cando estes se poñen de acordo, arrasan co que lles sae ó paso. Mesmo coa democracia, o poder do pobo. Lembraredes as dúas veces últimas: nunha, executaron o sector das Caixas; na outra, modificaron ó seu antollo a Lei de leis, a que se supón unha garantía de convivencia. É o vicio do bipartidismo, nós facemos o guiso ó noso gusto e a seguir, papámolo. E alá foron as Caixas, a Constitución e agora ata o “noso” Defensor. Porque eles non son pobo e dispoñen doutros recursos, tanto lles ten quen nos defenda a nós. Pero isto… isto é demasiado. 

Pregúntome como lles atacaría para que o propoñan defensor. Ou se lles prometería unha recualificación, ou a participación nun centro comercial, ou a pavimentación do seu camiño á casa, ou a concesión dunha minicentral térmica. Talvez, xuroulles conseguir unha bula papal, incluso unha reportaxe no máis importante xornal. Iso ou gomina gratis durante un ano enteiro. Pregúntome o que lles deberán aqueles, se cadra mesmo un goberno autonómico, e por que o aceptan estes, se tanto temen a súa perfidia.

Ben, que lles quede claro: eu escollo un defensor de oficio. Porque este… este xa sabemos a quen vai defender. 


A cuarta forza

Pensamento único, bipartidismo, terceira vía, cuarta forza. A política non deixa de ser unha sorte de escaleira imposible de ascender. Iso deben de pensar os líderes do nacionalismo galego. Segundo o CIS, entre 1997 e 2009, o sentimento nacionalista en Galicia pasou do 33 ó 15%. Entre 2005 e 2009, os galegos en degoiro dunha autonomía maior, pasaron do 26 ó 16%, dez puntos perdidos en catro anos. Os soberanistas seica representan o 2% da poboación. Cifras de sentimento político con reflexo nítido nos resultados electorais: grosso modo, 50% de tendencia de voto cara ó PP, 35% para o PSOE, 15% (ben optimista) para o BNG.

A realidade semellaba esixir un cambio radical de rumbo na fronte nacionalista, e xa vimos. As expectativas ante as vindeiras eleccións galegas son negras. O futuro chámase 1989, 5 deputados. E isto malia o desgoberno popular e o desnortamento socialista. No nacionalismo pinta aínda peor: desolación con síntomas de deshonra. Ante un tal panorama, ou renovación quimérica ou cuarta forza, non queda outra. Asumir riscos ante a alternativa máis arriscada, a da inacción, a que sempre leva ó fracaso.

Con escisión ou sen ela, a cuarta forza é unha necesidade vital para o País. Unha cuarta forza que poña en evidencia o sucursalismo reaccionario do PP, a deriva indecisa do PSOE e o enquistamento desesperante do BNG. Unha cuarta forza co discurso centrado en Galicia e capaz dun diagnóstico, estratexia e deseño propios. Unha cuarta forza que abrolle de raíces sólidas e sostibles. Unha cuarta forza pragmática, dialogante e con vocación transformadora. Unha cuarta forza que poña en valor os factores endóxenos do País –produtividade do sector primario, medio ambiente, talento innovador, cultura e idioma– e os integre nas tendencias de desenvolvemento global. Unha cuarta forza cunha política de comunicación directa que a conecte dende o primeiro momento ós sectores esenciais da economía e da sociedade galega. Unha cuarta forza con vontade de gobernar. E, finalmente, unha cuarta forza que empregue a linguaxe que falan os galegos reais de hoxe e non os utópicos dun outrora imaxinado.

Repasando os cadros dirixentes dos tres partidos nos últimos anos e mesmo identificando algúns afiliados sen responsabilidades, atópanse persoas de alta valía descolocadas en cadansúas organizacións. Os astros conflúen e solicitan a toma dunha valente determinación ó alcance daqueles homes, daquelas mulleres, con sentimento de País por riba de siglas e intereses de partido. O tempo esixe coraxe e visión. Con tales vimbios haberíase artellar esa cuarta forza por tantos degoirada. 

Artigo publicado en Galicia Confidencial

O inevitable, canto antes

Xantabamos nunha casa de comidas en Peiro, as miradas da maioría de comensais dirixidas non ós pratos senón á televisión, afortunadamente silenciada, que eu mantiña ás costas. Polas facianas, polos murmurios, mesmo por algunha frase solta, seguía ó detalle a marcha do partido, o cal me importaba bastante menos cás patacas e os grelos que estaba a degustar. Así todo, sabía que os acenos de ilusión celebraban os puntos de Nadal e os xestos de fastidio maldicían os tantos do serbio. Por fin gañou este último e os ollos regresaron, decepcionados, ó cocido. Disque seis horas pasaron a golpe limpo mais total, para gañar o mesmo de sempre. E non lles tería sido mellor rematar canto antes, en tres rápidos sets?

De seguro coñecedes o Manifesto Cluetrain. Temo que non o coñezan no BNG. A súa tese 29 di, máis ou menos: “non podemos seguir xuntos se sospeitamos o un do outro”. Fixádevos na 57: “as empresas (organizacións) intelixentes deben saber que o inevitable ha suceder canto antes”. Esta é boa, se a tivesen considerado hai un par de anos, a situación agora sería distinta, o trauma estaría superado e contaríamos con dúas forzas co discurso centrado en Galicia. Na casa de comidas de Peiro deberían ter retransmitido o cónclave nacionalista, bastante máis transcendente para os que aló estabamos có partido de Nadal. Porque ou Galicia recupera de vez o pulso político, ou o devalo no que leva estes tres anos prolongarase por décadas. Somos expertos en afundirnos no lameiro da autocompracencia e a resignación. Por iso é tan importante para o País o renacer do nacionalismo galego. E tralo resultado do último Congreso, este só pode conseguirse coa escisión. Canto antes.

 

Tose ministerial

Tuso como tose calquera, involuntariamente. Mais ninguén me obriga. Esta tose, que nin avanza nin retrocede, seica vén para quedar, inda que sen facer dano, con vocación de compañeira inofensiva. Eu ábrolle as xanelas, e a gabardina, incluso ábrolle o peito, pero ela permanece. Disque me estuda, próbame, tenta convencerme coa súa quietude. Sen embargo, eu porfío, insisto en desaloxada tal como faría cunha avespa que se coase dentro do coche (a tose non termina de comprender que o seu fado é matar ou morrer).

Vexo o traspaso de poderes e sufro un violento ataque de tose na quenda da carteira de economía. Outro, distinto, no cambio de fomento, e póñome ó bordo do colapso escoitando as primeiras palabras do novo titular de interior, tamén amigo do presidente.

Os novos ministros aplicáronse Vicks Vaporub e sorrín candidamente. Imaxino o que tal sería facer un amigo cando nenos e que un día te chame para proporche como ministro. E ti que empezas a tusir ata case afogar. Recupéraste somentes para lle preguntar: oes, e de que ramo sería? Pois de Sanidade, naturalmente.

 

Tralas eleccións

Unha semana tampouco non dá para moito inda que nese tempo si poden albiscarse os efectos duns resultados electorais. Para min a consecuencia transcendente é que a economía española amosa por fin sinais esperanzadores. Iso cando menos afirmaba o suplemento dominical de El Mundo que caeu, non recordo por que estraño feitizo, nas miñas mans. Para o subitamente magnánimo xornal madrileño –e moi, moi español– a economía que 24 horas antes se asomaba perigosamente ó abismo, descubrira ate dez motivos sólidos e asentados para pensar nunca factible recuperación inmediata. E todo por obra e arte das eleccións, supoño eu, pois doutra maneira non se entendería tan estentóreo cambio de opinión.

Outro efecto: non hai tantas coma cincuenta e unha españas pero si cando menos dúas. Sempre foi así, nobreza e campesiñado, pobo e caciques, turnistas e alternativos, monárquicos e republicanos, dereitas e esquerdas, vítimas e verdugos, xacobinos e progresistas. Tras estas eleccións, emerxen dous novos grupos enfrontados: os indignados e os indignantes, aqueles saciados de tanto abuso, manipulación, capitalismo incontrolado e política de medio pelo, e aqueloutros instalados felizmente na ignominia. Eses dous grupos e ademais os vascos, lanzados cara á independencia. Tras eles virán os cataláns. Os galegos? Non, os galegos seguiremos apoiando os indignantes.

Unha semana dá tamén para troca-la perspectiva sobre os líderes saíntes, e onde antes había un Zapatero ensumido e apaiolado, agora temos un gobernante a quen a Historia fará xustiza; e onde antes se vía un Pepe Blanco iletrado e paspallán, agora enxergamos un político coherente con sentido do Estado. Non se libra o político lugués da ecuanimidade daquel xornal amentado, e cando o resto da prensa informaba sobre a súa retirada da dirección do PSOE, El Mundo subliñaba o feito de conserva-la acta de deputado mantendo así a inmunidade parlamentaria: ricas as variantes que nos achegan os medios.

E a semana aclarou de vez cal será a oposición dominante a Rajoy nun espectro político tan fragmentado. O auténtico líder –ou lideresa– da oposición será Esperanza Aguirre. Nin un día de tregua lle concedeu ó presidente in pectore. Que calculado tiña o movemento a política madrileña, iso é planificación e o demais son trapalladas. E que ben leccionados mantén os seus mariachis, todos eles caladiños, coas mans nos petos, ata a comandanta ordena-la destitución de Granados, o home en Madrid de Rajoy.

Un par de liñas para Feijóo, non merece máis: o presidente do goberno galego (cantas veces esquece o seu posto e función!) declarou que aquel era o día para o cal tanto traballara… Sen comentarios. Días despois, demostrando esa calidade visionaria que o caracteriza, anuncia os buracos que atopará Rajoy… Sen comentarios bis.

Deixamos para o final o noso BNG, ese partido ou grupo de partidos ancorado no post-franquismo, empeñado en mante-los vellos logos e os termos que unicamente eles utilizan, ninguén máis no País, e anicándose e xibarizándose convocatoria tras convocatoria para ledicia dunha bancada cada día máis insignificante. Recordo cando o BNG era a opción da mocidade, cando aspiraba a formar grupo propio no Congreso, cando o obxectivo non baixaba do 20% dos votos. Hoxe, satisfeitos co exiguo 10% inda sabendo que está tan preto da nada. Houbo durante algún tempo un degoiro en Galicia que hoxe, tralas pasadas eleccións, se confirma quimérico, inalcanzable…

Feijóo: 10 motivos para un fracaso

O diario El País publica hoxe un magnífico artigo analizando a evolución da economía galega dende o regreso do Partido Popular á Xunta de Galicia. Motiva a elaboración do traballo a insistencia de Rajoy en poñer o goberno de Feijóo coma modelo a seguir dende La Moncloa a partir do 20-N. A conclusión do artigo resulta desoladora: fronte ás promesas previas ás eleccións galegas, a realidade evidencia o fracaso incuestionable da Xunta do PP cunha evolución negativa tanto en actividade produtiva como en emprego respecto ó conxunto da economía española.

Detrás de todo efecto, adoita haber unha causa. Neste caso, identificamos ata dez:

  1. A política económica de Feijóo resúmese nunha expresión: impresión de austeridade. Mais a austeridade nada amaña nunha recesión por moito que o Partido Popular repita a cantarela apelando máis ós instintos do votante cós principios de teoría económica.
  2. A pasividade do goberno en termos de promoción económica e industrial. O dogma liberal recomenda a impasibilidade do executivo na crenza de os axentes do mercado ser autosuficientes na activación económica dun territorio determinado, feito sempre contradito en economías subdesenvolvidas como a galega.
  3. A teimuda insistencia no sector inmobiliario como motor produtivo sen entender que a construción nunca vai recuperar o desproporcionado peso que ocupou no PIB da economía galega (e española) dos últimos anos. É preciso conseguir que sectores emerxentes como ecoloxía, enerxías renovables, reciclaxe, biotecnoloxía, etc. tomen o relevo urxente dos sectores en devalo, nomeadamente a construción.
  4. O enredo do goberno Feijóo arredor do concurso eólico que supuxo a cancelación do reparto enerxético e dos proxectos industriais comprometidos.
  5. O retroceso do goberno Feijóo nas políticas medioambientais nunha involución estratéxica que implica a desprotección do territorio a prol da obtención doada de rápidos beneficios, o cal implica a renuncia á ecoloxía como valor económico de futuro.
  6. Como consecuencia do punto anterior, proxéctase sobre o empresariado galego a idea de que as fórmulas a promover en Galicia poden ser aquelas vinculadas á explotación do medio natural e non a competitividade e a diferenciación vía innovación.
  7. A rendición do goberno galego ó respecto do papel estratéxico que debe xogar o rural e os sectores agroalimentarios na recuperación económica de Galicia.
  8. O abandono, total ou parcial, dos programas de I+D e dos plans de captación de persoal científico así como o estancamento dos fondos dedicados a innovación e á transferencia tecnolóxica.
  9. O ataque sistemático contra a cultura e sinais identitarios de Galicia no obxectivo de reducir o País ó concepto de rexión subordinada ós intereses superiores da nación española, unha concepción que propicia a falta de confianza nas capacidades propias e a contención de proxectos e iniciativas ambiciosas e de dimensión internacional.
  10. Por último, a falta dunha política emprendedora e de saídas á mocidade galega altamente cualificada que perde a esperanza de atopar un traballo gratificante na súa terra e adopta a emigración como saída natural para o seu desenvolvemento profesional.

O modelo Feijóo resulta un fiasco monumental que debemos emendar en Galicia á primeira oportunidade a risco de perder calquera opción de revitalización e progreso. Se o futuro goberno español adopta ese tal modelo, a economía española terminará por perder ademais o paso, mesmo cambaleante, dos seus socios europeos.

Que modelo nos propoñen?

Estes dous están debatendo pero a min nunca me gustaron as artes marciais, nin sequera a esgrima. De ter que elixir unha disciplina para o momento actual, escollería a medicina. O que lles pedimos ós médicos é que fagan un bo diagnóstico, algo que lle importa pouco a un karateka pero resulta fundamental para salva-lo enfermo.

Quen dos dous, Rubalcaba ou Rajoy, emitiu o seu diagnóstico? Á vista dos programas electorais, ningún deles. As receitas do PSOE son novos parches, ningún tratamento cirúrxico, tan so xaropes paliativos para ir tirando ate que se aclare o ambiente xeral, isto é, o contexto internacional. O caso do PP é moito peor como veremos: prescriben basicamente seguir furgando na ferida.

Cales son os males da economía española? Porque non nos enganemos: nestas eleccións o único factor en xogo é a economía. Os males, ou sexa, o diagnóstico: por unha banda, unha estrutura produtiva claramente descompensada, cun peso da construción e sectores afíns que duplica a media da Unión Europea. O novo modelo económico español habería identificar e promover os sectores que deben encher ese baleiro do 10% do PIB que deixa, para sempre!, o sector da construción.

Un segundo mal económico é a diferenza entre as rendas altas e as rendas baixas. España pasou en pouco máis de dez anos de ser o país da Unión cunha fenda máis estreita entre ricos e pobres a ser o cuarto cunha diferenza maior. Canta meirande sexa esta fenda, menos estabilidade económica pois os ciclos incidirán na demanda interna con superior virulencia cá nos países de renda mellor distribuída. E unha terceira eiva fundamental está no desequilibrio da balanza comercial de perniciosos efectos no resto de variables económicas e que propicia unha forte dependencia do exterior.

Diciamos que o PP propuña seguir furgando na ferida. Así é se atendemos ó primeiro factor: como compensar a atonía do sector da construción? So hai dúas medidas: incentivando a obra pública e promovendo sectores alternativos vinculados a actividades emerxentes como medioambiente, enerxía (o hidróxeno, entre outros) e as tecnoloxías emerxentes (bio, nano, etc.). A proposta do PP: austeridade (din que a austeridade crea postos de traballo!!!) e recuperación da dedución para compra de vivenda. Unha demostración de non teren comprendido nada e así se amosan dispostos a volver ceba-la burbulla. Inconcebible!

Que dicirmos sobre a necesidade de reduci-las diferencias de rendas? No canto de aumenta-la fiscalidade sobre os tramos superiores de ingresos e equipara-la imposición do capital coa do traballo, o PP propón elimina-lo imposto do patrimonio, reduci-la imposición ás empresas (con beneficios, evidentemente) e rebaixa-la fiscalidade do capital!! Iso atendendo á política tributaria. Habería que engadir agora a reforma laboral prevista e da cal se coñece nada máis un aspecto: adeus á negociación colectiva, cada empresa pode face-lo que lle praza. Dito doutro xeito: menor capacidade negociadora para o traballador, xa que logo menores salarios e maiores beneficios empresariais.

Respecto do equilibrio da balanza comercial, para que propor ren se coas anteriores medidas, o enriquecemento das clases hexemónicas queda sobradamente garantido? Ese é o seu obxectivo. En realidade, sempre o foi, en Galicia e en España (quizais algo menos, pero tamén).